Os cultivos do campo

O MILLO

 

Un dos produtos máis cultivados polo home nestas terras de Ermelo, e noutras zonas de Bueu, como a cercana Meiro, foi o millo. En realidade o millo tal e como hoxe o coñecemos apenas ten uns séculos, tras o descubrimento de América, e veu da man do almirante Gonzalo de Castro e da súa muller Magdalena de Luaces dende Florida. No século XVII estendeuse a toda Galicia. Até que isto aconteceu cultivouse outro tipo de millo coñecido como paínzo ou millo miúdo, máis pequeno.
 

muestra

O millo adóitase cultivar polos meses de abril e maio, e para a preparación da terra utilízanse aixadas, logo estércase empregando picarañas que permiten mover o estrume con comodidade. Despois continúase coa sementeira, para o que se emprega o arado.

 

O millo queda así até o mes de San Xoán (xuño), no que se lle dá unha sacha coa axuda de aixadas, legóns e sachos; fanse uns sucos coma os do arado para que os pés do millo queden enfiados. A comezos do mes de Santiago (xullo) dáselle outra sachada coma a anterior, e móndase sacando algunhas plantas para que o millo medre máis basto. As regas teñen lugar nos meses de xullo e agosto, segundo as necesidades.

 

A PATACA

 

A pataca, introducida a finais do século XVI, comezouse a empregar como alimento para o home a partir de 1768. Este novo alimento veu substituír dalgún xeito á castaña, especialmente tras a súa masiva extensión por todos os campos de Galicia, tal e como aconteceu en Ermelo e no resto das terras de Bueu. Hoxe en día aínda se conservan bos exemplares de castiñeiro nas terras de Ermelo. A pataca, xunto co centeo e o millo, constitúe a base da alimentación do agro galego.

 

A sementeira realízase nos meses de abril ou maio, para a que se empregan arado ou aixadas, e empregábanse tradicionalmente dous sistemas: rego miúdo ou á rolla. Na primeira faise un suco co arado, no que se bota esterco e patacas. Ao seu carón realízase outro para que a terra cubra a semente. Na modalidade de sementeira á rolla colócanse no arado pasoeiras ou vasoiras para que fagan os sucos máis largos. Árase toda a leira e ao rematar bótase esterco e patacas, e vólvese arar para que a terra cubra igualmente a semente. Malia que algunhas persoas cortaban anacos de patacas para sementar, o habitual era sementalas enteiras. Quince días despois pásase a grade para achandar a terra e dende que comeza a nacer dánselle dúas sachas. En canto ás regas, nos meses de máis calor réganse dun xeito semellante ao millo.

 

A colleita lévase a cabo a finais de setembro, para a que se empregan aixadas, picarañas ou legóns. Delas cóllense para consumo humano as de maior tamaño, mentres que as máis pequenas quedaban para comida dos porcos.

 

 

OS CULTIVOS DE HORTA

 

Ademais da pataca e do millo, en Ermelo adóitase adicar parte das terras aos cultivos de horta, tal e como se ven facendo dende hai séculos, dende a fundación do antigo mosteiro.

 

Normalmente colléitanse en cantidades pequenas porque son para consumo propio das familias, mentres que os excedentes vendíanse nas prazas e mercados de Bueu e Cangas, ou incluso Moaña. A localización central de Ermelo nestes concellos ofrece moitas facilidades para o acceso a eses mercados.

 

En canto ás hortalizas máis comúns no campo galego cómpre destacar as verzas, tamén chamadas coellas; o repolo, a coliflor, o nabicol, o nabo, que se adoita plantar en terras nas que xa se colleitou millo, centeo, patacas ou liño; os grelos, os chícharos, os tomates, os pementos, a leituga, a cabaza, sandías e melóns, cebolas e allos, e o pirixel.

 

Nas terras de Ermelo tamén destacan algunhas árbores froiteiras, como a maceira, a pereira, a laranxeira e o limoeiro.

Comments are closed