O mosteiro

A vila ou poboación de Ermelo aparece frecuentemente ligada ás rutas do románico galego, xa que foi neste lugar onde naceu un dos primeiros e máis importantes mosteiros beneditinos na Idade Media. O de Ermelo engádese a unha rede de mosteiros que conforman unha grande unidade que se estende ao longo do conxunto do territorio galego. A documentación que se depositou nestes mosteiros é un dos instrumentos máis destacados que nos dá pé a coñecer a situación económica e social durante a Idade Media e épocas posteriores, especialmente no período que se estende até a coñecida como “desamortización de Mendizábal”.

muestra

Malia que se descoñecen datos concretos sobre a orixe e fundación do mosteiro de Hermelo, a través das gravaduras existentes na pedra da igrexa e dos restos de documentación que se puideron localizar no Arquivo Histórico Nacional, suponse que foi fundado ao redor do ano 840 polo bispo Pedro. Ao seu carón, no concello próximo de Poio, estableceuse o mosteiro de San Xoán, do que dependerá posteriormente. Ligado inicialmente aos monxes beneditinos, co tempo parece ser que modificou a súa advocación pola de Santiago, especialmente tras a súa restauración, aló polo ano 1104, no goberno do arcebispo Diego Xelmírez, auténtico revitalizador da figura do Apóstolo e do Camiño Xacobeo a Compostela. Dende ese momento histórico pasará a mans da Orde do Císter. Isto último queda constatado na primeira inscrición epigráfica que se coñece do propio Xelmírez; ao seu carón aparece a única referencia sobre o destacado xograr Macías o Namorado, autor de catro cantigas de amor recollidas no Cancioneiro de Baena.

No testeiro do presbiterio, baixo o Altar Maior, a cada un dos lados dun van con remate en arco de medio punto, localízanse dúas inscricións que dan fe destes datos históricos. Este arco puido ser o acceso á primitiva igrexa.

Todos os indicios e a documentación existente[1] fan pensar que o antigo mosteiro de Hermelo foi o encargado da recollida das rendas das terras e dos dezmos dos coutos de Meiro e Hermelo, así como dunha importante parte do Morrazo, e que chegou a posuír terras na comarca do Salnés, entre outras. Mesmo fálase da súa relación coa contorna, onde se advirte a presenza dunha gran familia ou estirpe medieval, coñecida como “Bueu”, que aparecen identificados nos documentos como “milites”, e que dá pé a pensar na súa posible relevancia social.

Na zona obsérvanse numerosas pegadas dos monxes que se reflicten na toponimia, como Fontebieites ou o río Frade, tamén coñecido como río Bispo. Outros elementos, como o Chan da Esculca, onde se localiza a 320 m. sobre o nivel do mar a Cruz de Santiago, falan do seu valor como lugar de observación e vixilancia, especialmente das invasións por mar de turcos e normandos.

Cada 25 de xullo celébrase a festa de Santiago, cunha romaría á que acoden xentes de todos os lugares próximos, de diversos concellos.

Ademais dos estudos aquí enumerados e descritos a pé de páxina, figuran referencias claras ao mosteiro e á igrexa de Hermelo en diversos libros, como as xa mencionadas de Frei Martín Sarmiento, que se unen ás doutros eruditos e investigadores, como Sebastián de Miñano (Diccionario Geográfico-Estadístico de España y Portugal, 1826); Álvarez Limeses, a principios do século XX; ou Hipólito de Sá (El monasterio de Poyo, 1985). Frei Martín Sarmiento defínea coas seguintes palabras:

«la iglesia de Hermelo es muy antigua y pequeña, parecida a la del Tambo y a la de la Misarela, con división para la capilla mayor […] la misma iglesia de Hermelo, la cual es muy antigua aunque renovada, de una sola nave pequeña y con capilla mayor como separada y cerrada…».

Segundo as referencias de Hipólito de Sá, do mosteiro de Hermelo xa nada queda, pero si as referencias aos monxes no río que cruza a parroquia, ao que lle chaman río dos Frades nalgún dos tramos, e río da Igrexa no seu nacemento.

Un dos principais tesouros da igrexa que se conserva son as inscricións conmemorativas que aparecen labradas en dúas pedras do interior. Estas inscricións, recollidas en tres liñas, fan referencia a aspectos da reconstrución do templo primixenio, en tempos do arcebispo Xelmírez.

Á parte do valor que en si mesmo teñen estas inscricións epigráficas, cómpre destacar a aparición nelas do arcebispo Diego Xelmírez que, malia ser un dos personaxes históricos máis recoñecidos do Medievo galego (Historia Compostellana, 1139), apenas conserva restos de gravaduras en pedra. A de Santiago de Hermelo pode ser a máis clara e, xa que logo, a máis importante. Xunto a ela, cómpre destacar a de Santiago de Padrón, datada en 1133, e que non cita directamente a Xelmírez; e outra na igrexa de Santa María de Alba, que puido ser gravada entre o ano 1100 e 1120.

Segundo as referencias históricas, é moi probable que a igrexa e o mosteiro de Hermelo foran reconstruídos tras algunha das múltiples invasións normandas que se sucedían na época. Está rexistrada no cancioneiro popular galego a composición do “Saqueo de Cangas polos turcos”, datada en 1617, e que amosa claramente que a zona do Morrazo sufriu constantes ataques que viñan do mar. Xa que logo, puido suceder que tras a referida invasión, o arcebispo Diego Xelmírez se encargara da restauración da igrexa, á que probablemente se lle modificou a súa advocación pola de Santiago.

Outro dos elementos destacados é a inscrición sepulcral que aparece no chan da igrexa, entre o altar e a porta da sancristía. Segundo os investigadores, o texto que se pode recoñecer di así:

“Requiescit… Joanes Nucizi / … cum Christo regnat / coronatus… / Rogate

Deo precibus exhorate dimitat / culpas… / … sub celo comisas qui obit / die

X Kalendas Septembris. / Era MCXV in Sancti Jacob, et in urbe /

Ferdinandus Abarus, o Albarus“.

Trátase dun texto funerario, claramente incompleto, do que se poden sacar algunhas conclusións, como que se corresponde co ano 1105, con referencia ao “miles Joanes Nucizi”, que probablemente foi un benefactor da igrexa e do mosteiro, e que foi alí soterrado.

Comments are closed