O arcebispo Xelmírez

Diego Xelmírez, fillo terceiro do conde Xelmiro, naceu en terras de Catoira ou Padrón ao redor do ano 1059. Foi o primeiro arcebispo de Santiago e máximo impulsor da construción da catedral compostelá. Exerceu inicialmente coma notario do conde de Galicia, Raimundo de Borgoña, xenro de Afonso VI de León e Castela, quen lle axudou a ser nomeado bispo en 1100.
 

muestra

A súa boa relación con Roma axudoulle a conseguir que a diocese acadara o arcebispado en 1120, ademais de amplos poderes, como a posibilidade de impartir xustiza e cuñar moeda. Defendeu a costa galega dos numerosos ataques normandos e contribuíu á coroación de Afonso Reimúndez como rei de Galicia o 17 de setembro do ano 1111, acto que se celebrou na catedral compostelá. Participou activamente na defensa do grupo que apoiaba ao rei Afonso, contrario aos intereses de dona Urraca, filla e sucesora de Afonso VI. No ano 1117 conseguía a reconciliación das dúas faccións e, asemade, un aumento do seu poder e influencia na corte real. Un dos aspectos máis destacados da súa biografía  é o impulso á construción da basílica de Compostela e a súa preocupación polo prestixio da institución que dirixía. Neste sentido, contribuíu á promoción do Camiño de Santiago favorecendo a construción de hospedaxes para peregrinos, o que deixou importantes riquezas en Compostela. En 1125, como legado pontificio, convocou un concilio en Compostela para facer un chamamento á cruzada contra os musulmáns.  Da súa obra cómpre destacar a Historia Compostelana. Faleceu en Compostela en 1139.
 
En referencia á igrexa (e mosteiro) de Hermelo, un dos principais tesouros son as inscricións conmemorativas que aparecen labradas en dúas pedras do interior. Estas inscricións, recollidas en tres liñas, fan referencia a aspectos da reconstrución do templo primixenio, en tempos do arcebispo Xelmírez. A primeira das inscricións, seguindo sempre os estudos de Miguel Romaní e Pablo S. Otero, di así:
 
ECLA : NEMPE : ISTA : OMNNO : RESTAVRATA : ESSE :

CREDATuR: SICuT : INPRESENTI : MANET : IACOBI :

APSLI : ADFREÐNANDuS : ABBA : ET AB : ARIAS :

SAuARIEZI

A segunda ofrece o seguinte texto:

TOLETuM :REGNANTE:INPERATORI :AÐFONSO

GALECEA : LIMITE : RAIMVNDVS : DIDAGuS : SCDS

EPS : ERA : ÎA : C · XLA II : FREÐNANDS TE F
 
O que se pode traducir na lingua galega moderna deste xeito:
 
“Téñase por seguro que esta igrexa de Santiago Apóstolo foi restaurada na súa totalidade, tal e como agora está, en tempos dos abades Fernando e Arias Savariz.
 
Reinando en Toledo o Emperador Afonso; (sendo) Raimundo (de Borgoña, Conde) en terras de Galicia; (sendo) Bispo (de Compostela) Diego Segundo (Xelmírez). Era 1142 (ano 1104).
 
(O Mestre) Fernando edificou (esta igrexa)”.
 
Á parte do valor que en si mesmo teñen estas inscricións epigráficas, cómpre destacar a aparición nelas do arcebispo Diego Xelmírez que, malia ser un dos personaxes históricos máis recoñecidos do Medievo galego (Historia Compostellana, 1139), apenas conserva restos de gravaduras en pedra. A de Santiago de Hermelo pode ser a máis clara e, xa que logo, a máis importante. Xunto a ela, cómpre destacar a de Santiago de Padrón, datada en 1133, e que non cita directamente a Xelmírez; e outra na igrexa de Santa María de Alba, que puido ser gravada entre o ano 1100 e 1120.
 
Segundo as referencias históricas, é moi probable que a igrexa e o mosteiro de Hermelo foran reconstruídos tras algunha das múltiples invasións normandas que se sucedían na época. Está rexistrada no cancioneiro popular galego a composición do “Saqueo de Cangas polos turcos”, datada en 1617, e que amosa claramente que a zona do Morrazo sufriu constantes ataques que viñan do mar. Xa que logo, puido suceder que tras a referida invasión, o arcebispo Diego Xelmírez se encargara da restauración da igrexa, á que probablemente se lle modificou a súa advocación pola de Santiago.

Comments are closed