Lendas

A COVA DOS MOUROS

Un día, un home viu unha morea de pedras que no medio tiña un burato. Por curiosidade entrou polo estreito burato e mentres descendía comprobou que as paredes do seu redor estaban escritas. Ao chegar á metade do camiño observou a un home vestido de negro rodeado de esqueletos. Asustado, correu cara á saída e viu como unha luz amarela entraba na cova e guiaba ao mouro cara ao ceo.


 

OS MOUROS DO LOBOREIRO

Nos Montes Xistro e Liboreiro (Loboreiro) andaban a minar tres mouros que foron expulsados do lugar polo apóstolo Santiago que, igual que o tenente que o acompañaba, levaban canda si cadanseu loro. O loro de Santiago dixo:
—Vén, vén, que por aí vas ben!
E o do tenente respondeu:
—Vai, vai, que por aquí non o vin!
Santiago derrotou aos mouros e expulsounos do Loboreiro a través do cabo Udra, onde quedaron as pegadas dos cabalos nunha rocha.
Os mouros que vivían no Loboreiro deixaron un manuscrito e unhas pedras cos seus nomes inscritos.


 

O DIÑEIRO ENCANTADO

Din que nos montes da Paralaia e Liboreiro viviron os mouros que deixaron diñeiro encantado que caducaba cando pasaba certo tempo. Seica cando marchaban os mouros dicían: “Paralaia, Paralaia, onde están os nosos intereses?” e tamén: “Pirelaia, Pirelaia, onde están os intereses dos nosos tataravós?”


 

O BURACO DA MOURA (Localización: Cela-Paralaia)

Na noite de San Xoán sae unha vella da súa cova a asollar o seu ouro disposto enriba dunha manta. Se aquel que pasa lle di: “Piopardo o saco”, a vella enchíalle o saco de ouro. Esta cova, chamada o buraco da moura, que actualmente seica está destruída, situada a carón dunha mámoa case desfeita, tiña cinco túneles cheos de debuxos na pedra que partían dela en diferentes direccións.


 

A COVA PREMONITORIA (Localización: Cela-Paralaia)

Seica a cova da moura tiña riscos premonitorios, e cando alguén ía morrer aparecían luces premonitorias. Conta a lenda que uns amigos aventuráronse a entrar  alí e non puideron saír.


 


A PIRULLA DE LIBOREIRO E A SEREA

Conta a lenda que no alto da Pirulla sae todos os días a media noite unha fermosa serea de longos e lisos cabelos a peitearse á luz da Lúa cun fermoso peite de prata. Cando alguén tentaba vela, esvaecíase.


 

O MARQUÉS ENCANTADO (Localización: A Paralaia)

Di a lenda que dentro dunha buraca había a estatua dunha muller coas pernas dobradas que en realidade era un marqués encantado. Para desfacer o encantamento, unha moza virxe de entre 15 e 18 anos debería coller unha espada que se atopaba ao carón da estatua e lanzarlla. A espada fenderíase na metade da estatua e liberaría ao marqués do encantamento.


 

O MISTERIO DO MOURO E O SANTO

Din que polo ano 1895 ocorreu un estraño feito cando un mouro chegou á porta do pazo do Rosal. Este pediulle á súa dona un carro para poder ir á cova da Paralaia. A muller prestoulle o carro e mandou con el a dous serventes para que o acompañasen. Unha vez chegaron alí desatouse unha treboada. O mouro entrou na cova e saíu cargando coa figura dun santo ata a praia da Xunqueira, montou nela e desapareceu misteriosamente sen deixar pegada.

Transcorrido un ano, a muller recibiu en agradecemento coma agasallo un pano de seda vermello cunha nota na que dicía que o colocase no lugar que quixera para lembralo. A muller atouno á póla dunha nogueira que tiña no xardín. Ao día seguinte desaparecera o pano e a nogueira, sorte de non telo atado ao pescozo!


 

AS FILLAS DO REI DE PROVENZA E A PEDRA DO MEDIODÍA

O monte da Paralaia está cheo de misterios, feitizos, historias de tesouros agochados, mouros e mouras que aparecen e desaparecen. Da pedra do mediodía, que está fendida, contan que son dúas fillas do rei de Provenza que foron convertidas en pedra e que só podían volver á súa forma de muller cada cen anos. Nunha destas conversións bailaban de contento cando apareceu un mozo. Elas contáronlle a súa historia e pedíronlle axuda para desfacer o encantamento. O mozo debía volver ao día seguinte cun saco. Elas, convertidas en cobras sairían da pedra e el debería metelas no saco. A cambio recibiría os tesouros das princesas. Pero cando o mozo viu as enormes cobras, asustouse e dixo: -Válgame a Virxe do Pilar! Nese momento caeron moribundas aínda convertidas en cobras. O mozo penetrou na cova e viu que efectivamente estaba chea de tesouros. As mozas esvaecéronse cos tesouros e dise que agora deben agardar ao fin do mundo para volver ter a súa aparencia orixinal.


 

A VELLA DO SACO

Non se sabe a ciencia certa onde estaba a Cova da Paralaia. Dise que tiña unha entrada ampla que daba a un recinto abovedado do que partían catro ou cinco galerías. Aquel que se queira facer rico non tiña máis que ir alí na noite de San Xoán. Entón sairá dela unha vella moura cun manto de ouro e se se lle di: -Pipar do saco-, ela o dá todo.


 

A COVA DAS ESCALEIRAS

No monte da Paralaia existía unha cova pola que os mouros transportaban os seus tesouros. A cova tiña un túnel de varios quilómetros que escavaran os mouros nela e que a conectaba coa Torre, en Meira. Contan que se alguén se acaroaba a ela, podíase escoitar o mar porque segundo algúns, chegaba á Punta de Udra. Nesta cova, ao parecer, nada máis entrar había un cruzamento de sete camiños e todo aquel que tomase un deles convertíase en escaleira.

Comments are closed