As leiteiras

As campesiñas que viven a carón das vilas e das cidades tiñan nestes grandes núcleos de poboación unha importante fonte de ingresos co leite, tal e como aconteceu coas afamadas leiteiras de Ermelo que, cada día, acudían ao centro da vila a repartir o seu prezado alimento. Moitas das leiteiras de Ermelo compaxinaban este labor co seu traballo nas conserveiras.
 

muestra

En xeral, as leiteiras traían á vila non só o leite da súa facenda senón que tamén mercaban o sobrante das outras casas do lugar e mesturábase co seu, malia que algunhas traían por separado o de cada casa.
 
Acotío, pola mañá cedo, a leiteira munxía as súas vacas e percorría as casas das veciñas mercándolles o leite, que recollía nunha canada e que ía botando nas latas do leite. Despois de apañalo todo, collía o camiño de Bueu, cunha lata na cabeza e outra en cada man, chegando a levar dúas en cada unha, co que facía un total de cinco. Para o seu transporte tamén se empregaba o burro, ao que se lle colocaban os caixóns e dentro as latas. Cos anos mellorouse este aspecto cos automóbiles dalgúns veciños e mesmo co coche de liña, co que podían chegar a vilas e aldeas máis illadas.
 
Para medir o leite empregábanse medidas de follalata, que anteriormente eran de pichola, pero que co tempo e a modernidade, cambiouse ao litro, imposto polas autoridades.
 
O leite que se vende pola rúa, co berro de “Quen merca o leite?” págase no intre mesmo, pero o que se vende nas casas, como son fixas e a cantidade de leite normalmente é a mesma, adoita pagarse por semanas, cousa que as leiteiras prefiren xa que así o diñeiro réndelles máis.
 
Hoxe en día, as leiteiras de Ermelo son un recordo máis das xentes de Bueu en particular, e do Morrazo en xeral.

 

Comments are closed