A estrutura do mosteiro

O mosteiro de Ermelo, tendo en conta as estruturas doutros edificios semellantes en Galicia e mais as construcións que hoxe en día sobreviven na parroquia, debeu constar dun corredor que comunicaba a igrexa (aínda existente) cun claustro porticado; dous edificios que conterían o refectorio, a cociña, a adega e os dormitorios; un patio a carón do claustro e dúas construcións anexas que probablemente se empregarían como cortes para os animais (cabalos, porcos, vacas e ovellas), propiedade dos monxes.
 

muestra

O antigo cemiterio localizaríase no adro da igrexa. A elección de Ermelo como lugar para a instalación dun mosteiro non foi casual. Procurábanse espazos retirados, con árbores, auga e, sobre todo, en vales cun clima benigno. A presenza de ríos ou regatos nas proximidades garantizaba a posibilidade de instalar un muíño e contar con terreos produtivos que permitisen aos monxes cultivalos sen afastarse demasiado do mosteiro. Aínda que non existiu ningunha norma para a construción dos edificios monacais, todos mosteiros cistercienses de orixe beneditina teñen certas similitudes. A cabeceira do templo adoitaba mirar cara ao oriente, e era o primeiro que se construía. A igrexa constaba de tres naves en forma de cruz latina e, acaroada ao cruceiro sur, atopábase a sancristía. No cruceiro norte unha porta comunicaba co cemiterio. O claustro principal, formado por catro galerías de igual lonxitude, situábase normalmente na fachada sur, protexido dos fríos ventos do norte. A sala capitular, despois do templo, era o espazo máis importante, porque nela os monxes tomaban as decisións que máis afectaban á vida do mosteiro. Os dormitorios dos monxes adoitaban localizarse na primeira planta. Na parte sur do claustro atopábase o refectorio, de arquitectura moi coidada e cun púlpito para as lecturas durante o xantar. Na entrada ao refectorio estaba o lavamáns. Na parede sur do refectorio localizábase a cociña, ampla, con auga corrente e unha gran chimenea. Na fachada sur situábase o calefactorio, onde se instalaba a enfermería. A sinxeleza e a sobriedade son os principais trazos dunha construción cisterciense.

Comments are closed